Monday 13 de May de 2024

Medio Ambiente resolve as axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para fomentar a riqueza piscícola


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas subvencións para o ano 2015

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a adxudicación de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola en 2015. En total, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inviste máis de 45.000 euros nesta liña de actuacións.

En concreto, as actuacións que se financian son labores de vixilancia realizadas en tramos de pesca e exercidas por vixiantes xurados de pesca fluvial con nomeamento regulado pola normativa e pertencentes a sociedades ou asociacións que ostentan a condición de entidades colaboradora de pesca fluvial.

Cómpre lembrar que, tal e como indica o Regulamento de pesca fluvial de Galicia, considéranse entidades colaboradoras aquelas que, tendo recoñecido expresamente tal carácter, realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das devanditas augas.

Esta financiamento encádrase no marco de colaboración entre o Estado e a comunidade autónoma, a través do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible, que establece un conxunto de medidas destinadas, entre outras, á conservación da natureza e á xestión de recursos naturais.